galego español english

 

Exposición de fotografías e tallas de madeira “Piornedo de Donís, pasado Vivo”.
A exposición estaba composta por fotografías antigas, pertencentes aos fondos documentais do museo, con comentarios de Isolina e tallas en madeira de Antón López (marcos e tallas artísticas). Foi exposta no edificio administrativo da Xunta de Galicia de Lugo, no museo comarcal da Consagrada, no local da asociación O Teixeiro en Piornedo e no CEIP de San Román de Cervantes.

Libro “Piornedo de Donís, pasado vivo”.
Partindo da exposición e para facer que perdurara, pois espertou interese nos lugares polos que pasou, a Depuración Provincial editou o libro, que tamén inclúe as colaboracións de Xavier Álvarez (deseño e maquetación) e de Fuco (debuxos).

 

 

Polavilas
As polavilas son antigas xuntanzas que se facían nas pallozas sobre todo no inverno que había mais tempo libe, contábanse contos, líase (en alto), xogábase a partida ou facíase baile. No museo organizamos polavilas nas que convidamos algún grupo de música tradicional que se brinda a pasar con nós unha velada con aire ancestral. Sempre contamos coa participación do grupo Polavila, un trío de tocadoras de pandeira de Piornedo que teñen como mérito o traballo e prol da recuperación deste instrumento, ata fai pouco tempo case desaparecido, e das formas de tocalo.
Ata o de agora, pasaron polas nosas polavilas a Quenlla, Carlos Núñez, Os Frebudos de Lugo, Sito carracedo, Juanjo Fernández... e podemos dicir que sempre se crea un ambiente especial de participación e de agradable convivencia no que o entorno, arredor do lume, ten moito que ver.

Obradoiros
O noso obxectivo principal é preservar e amosar a sabedoría popular e a forma de vida tradicional da serra e temos a sorte de contar na familia con persoas das de antes (Albino, María Inés...), que son totalmente autosuficientes e saben facer todos os traballos tradicionais, polo que non perdemos ocasión para organizar xornadas nas que aprendemos a facer cestos e goxas, pandeiras, galochas, colchas no tear, fiar, cardiar... pois nun hai mellor maneira de aprender que facendo os traballos e ademais, para a conservación das distintas ferramentas o mellor é usalas de vez en cando.
Nestas xornadas teñen participado tamén estudiosos interesados en aprender as técnicas propias da zona.

Libro de visitas.
Temos 15 libros cheos de sinaturas, recoñecementos, comentarios...nestes libros os visitantes do museo, dende abril doe 1998, van poñendo as súas impresións, suxestións, etc.

Palloza-museo Casa do Sesto, Piornedo, Cervantes, Ancares, Lugo, Galiza, España