As pallozas son construcións circulares de pedra, con cuberta cónica de palla de centeo, teñen orixe prerromana (pola forma e materiais, similares ós utilizados fai mais de 20 séculos).
Son casas que se adaptaron ao estilo de vida das persoas que as habitaron e ao propio medio dunha forma totalmente harmónica. Manteñen unha temperatura interior constante e están distribuídas en función das necesidades da familia que vivía nelas. Manter a temperatura entre os 15º e os 18º tanto no inverno coma no verán é posible grazas á capa de medio metro de palla que recubre o teito, que é ademais impermeable e illante.
Os teitos teñen moita inclinación para que non se acumule encima a neve e non teñen cheminea para evitar os incendios.
A distribución interior de todas as pallozas era moi similar, ditada pola lóxica e a experiencia: a cociña e o forno no medio, xa que é a zona con maior altura, a zona de durmir encima da corte das vacas para aproveitar a calor, e a alcoba ao pe da porta da entrada.
Actualmente a palloza Museo é a única visitable que mantén a estrutura interior sen modificacións nin alteracións.
O maior reto ao que se enfrontan as pallozas na actualidade é o mantemento do seu teito de palla. Trátase de palla de centeo cortada manualmente, mallada e escolmada. Debido ás grandes dimensións da cuberta, cada ano débese renovar un pedazo dela (uns 20 metros cadrados), para garantir así a súa conservación.
A palla cumpre unha función moi importante na vivenda como illante térmico, que permite que a temperatura interior resulte agradable, deixando á sua vez saír entre ela o fume da cociña, que tamén a protexe.
No museo existen distintas ferramentas e aparellos que foron usados pola familia, pero o máis importante é o propio edificio, unha palloza, que foi a vivenda habitual dos propietarios ata o ano 1970.
É imposible precisar a época exacta da construción da casa así como a do asentamento humano en Piornedo. Suponse que as casas nun inicio eran máis pequena e que se irían facendo ampliacións sucesivas en distintas épocas ata chegar ás dimensións actuais.
As pallozas supóñense a herdanza máis directa das vivendas castrexas xa que están construídas cos mesmos materiais (parede de pedra, armazón de madeira e cuberta de palla) e cunha disposición interior similar a elas. Poderíase dicir que representan a evolución dos castros, pois con respecto destes aumentou o tamaño e mellorou a distribución interior. Esta evolución debeu estar condicionada polo paso do tempo e pola adaptación da vida ás condicións climáticas da alta montaña.
Unha das referencias documentais máis antigas do lugar é o Catastro do Marqués da Ensenada que as denomina “pajazas”. Este documento menciona as pallozas que existían en Piornedo no ano 1750, así como as persoas que habitaban en cada unha delas e as súas dimensións, que rondan as oito ou nove varas de fronte por outro tanto de fondo.
O documento máis antiguo que temos da Casa do Sesto é o testamento de Pedro Alonso en 1773 no que lle lega ó seu fillo Santiago Alonso o seu patrimonio. Entre este patrimonio destaca unha casa de nove varas de fronte por nove de fondo, pero descoñecemos as dimensións da vara que utilizaron para as medicións.
A Casa do Sesto estivo habitada hasta 1970 e dende ese ano ata o 1989 foi utilizada como corte para o gando e como dependencia auxiliar para traballos agrícolas, pero mantívose a súa distribución interior orixinal. No ano 1989 construímos unha corte moderna ao lado, polo que a palloza perdeu esa funcionalidade.
En abril de 1989, despois dun importante traballo de limpeza e de organización dos distintos espazos, cun total respecto ó seu uso orixinal, abriuse ó público o museo con dous obxectivos fundamentais: por un lado que os visitantes puidesen coñecer este tipo de vivendas e a forma de vida das familias nesta zona de alta montaña, e por outro que os ingresos da venda de entradas puidesen servir para manter e conservar o inmoble.
No ano 2008, a Casa do Sesto, obtivo o recoñecemento da Xunta de Galicia como colección visitable, de contido etnográfico, ao amparo do disposto na Lei 8/95 do patrimonio cultural de Galicia, avalada polo Consello da Cultura Galega e polo museo do Castro de Viladonga.