Desde a Palloza Museo Casa do Sesto, tentamos impulsar e formar parte das actividades, encontros e festas que celebramos neste lugar da serra de Ancares.
A Festa da Pandeira é un encontro de tocadoras de pandeira, un instrumento tradicional utilizado polas mulleres nas polavilas das aldeas e das pallozas. Este encontro celébrase dende o ano 2006 e creouse para recuperar e poñer en valor este instrumento tradicional, ademais de congregar e homenaxear ás tocadoras de pandeira da comarca natural da serra de Ancares (provincias de Lugo, Asturias e León) que aínda quedaban.
Cada edición adícase a unha destas mulleres e elas fan demostracións de toques e coplas da súa mocidade que fan as delicias dos grupos tradicionais.
Ao longo destes anos a festa serviu para recuperar este instrumento tradicional que en Galicia era bastante descoñecido e para xuntar e agasallar a estas persoas que atesouraron e compartiron desinteresadamente este importante legado da cultura inmaterial. Cada vez hai menos informantes porque se fan maiores, pero quedan documentos sonoros e gravacións que son un ben moi prezado.
A festa celébrase sempre o terceiro sábado do mes de agosto en Piornedo e na programación hai actividades durante todo o día, dende talleres de baile e pandeira pola mañá ata rematar cunha polavila aberta na que participan músicos de todas partes.
Podes atopar máis información aquí:
En Piornedo celebramos o entroido andando de casa en casa e cando cae a noite, preparamos as fachas e facemos unha boa fogueira e unha polavila ao redor do lume.
Coa Asociación Teitos de Piornedo, traballamos para divulgar, poñer en valor e conservar o patrimonio de Piornedo e en concreto, os teitos de palla das nosas pallozas.
Ao longo de todo o ano, nesta asociación organizamos diferentes actividades e traballos, como son a sembra do centeo, a sega ou a mallega. Deste xeito, cultivamos e colleitamos a palla de centeo que precisamos para manter os teitos de palla.
Tamén facemos cursos de formación para aprender a teitar e conservar os oficios tradicionais relacionados co mantemento das casas vellas de Piornedo.
Podes ver as actividades de Teitos de Piornedo aquí:
Ademais da iniciativa Piornedo ANDA, coa que organizamos rutas guiadas de carácter etnográfico, se queres andar polo monte, admirar as paisaxes, acercarte á natureza e levar na retina a esencia dos nosos bosques e montes, aquí deixamos algunhas rutas que podes facer pola zona.
Deixamos o coche na explanada que hai no porto de Ancares e collemos á dereita (cara ó leste).
A ruta non ofrece ningunha dificultade pois o sendeiro discorre polo cordal e está ben definido polo que non o imos perder. Recomendamos subir ó pico de Cuíña que é o monte mais alto da Serra de Ancares -na súa vertente Leonesa- e dende alí, se o día está claro pararse tranquilamente para velo todo (ó lonxe Lugo ou Ponferrada, os vales, os pobos… con prismáticos seguro que se poden localizar algunha manada de rebezos ou de cabras montesas nalgún pico).
Ademais, na vertente noroeste do Cuíña está o Pozo de Ferreira, unha lagoa Glaciar, lugar perfecto para comer unhos bocadillos. A volta ata o coche é polo mesmo camiño.
Deixamos o coche no mesmo lugar que para a ruta anterior (explanada Porto de Ancares), pero esta vez imos coller a senda que vai pola corda cara ó oeste (á esquerda).
A ruta é segura pero nun pequeno tramo as persoas que teñan de vértigo poden sufrir un pouquiño.
A subida ó pico é moi empinada e faise algo dura pero a satisfacción que produce alcanzar a cima e as vistas merecen todos os esforzos.
O camiño cóllese ó lado da capela de San Lourenzo, no pico do pobo. É un camiño ancho e ben definido pola que transitan, cando está amañado, tractores e coches todo terreo (unicamente para usos agrícolas e gandeiros e para a vixilancia da reserva de caza polo que está protexida cunha cancela). Seguimos o camiño tranquilamente e vamos pasando por varias campas: O Campo, O Chao Grande, Campo Redondo, a Mallada (onde están os restos da cabana dos pastores de Piornedo).
Despois de pasar a Mallada e atravesar o río vemos en toda a súa extensión a Braña de Piornedo, ós pés do Mustallar, un gran circo glaciar rodeado por montañas ou tesos: ó sueste a Meixón Vella (onde aínda quedan restos dos correlos e as cabanas dos Estremeños e Castellanos que chegaban cos seus rabaños de ovellas e cabras ata estas terras ata finais do século XIX), ó leste O Pico de Lanza e O Mustallar, coa Pena de Portelín, ó noroeste Pena Longa, e no medio destes dous últimos o Pico do Porto, por onde se colle o sendeiro de Burbia. A subida ó Mustallar ten dificultade, o mellor é subir ó Pico do Porto e dende alí axudarse co peche de arames que chega ata arriba de todo (feito polos veciños para que as vacas non se derriben). Ó chegar arriba veremos como mereceu a pena o esforzo.
Rutas etnográficas por Ancares. Duración estimada: 3 horas. Saída: 10 da mañá. Palloza Museo Casa do Sesto. Prezo: 10€/ persoa Contacto: 630411518 / 659523911 Recomendamos levar pantalón largo e botas de montaña. Podes atopar máis información sobre Piornedo Anda aquí.