O noso entorno

A Palloza Museo Casa do Sesto atópase nun entorno privilexiado, tanto pola riqueza natural como pola cultural e etnográfica, da que este museo da boa conta.

Piornedo

Piornedo é unha aldea de alta montaña (preto dos 1200 m de altitude) que está situado aos pes dun dos montes máis emblemáticos da Serra de Ancares, o Mustallar. Ten unha disposición nuclear, coas casas moi xuntas e as fincas arredor.

Esta pequena aldea está composta por un total de 18 casas, e contaba a primeiros do século XX con máis de 200 habitantes; hoxe en día andaremos pola vintena. A emigración foi reducindo drasticamente a poboación en toda a zona e non é difícil atopar aldeas abandonadas ou sen mocidade; este feito trouxo consigo o deterioro da riqueza cultural e patrimonial, a degradación do medio con montes inzados de maleza que incrementa o perigo de incendios forestais etc. Perdemos en cincuenta anos 2/3 da poboación e varias casas xa só se abren en temporadas de vacacións.

A característica distintiva de Piornedo é a de ter o maior conxunto conservado de pallozas probablemente de Europa. Nestas casas vivimos case tódalas familias do pobo ata a década dos setenta, coas nosas facendas (imprescindibles para producir calor). Fomos deixando de vivir nelas e hoxe utilízanse para gardar o gando e a herba, aparellos de labranza…  mantivéronse en pé en Piornedo grazas ao interese que espertou a aldea no seu conxunto e a que continuaron sendo de utilidade. De feito, as pallozas son as construcións características de tódolos pobos destas montañas pero, desgraciadamente, consérvanse poucas e mal. 

Malia a ser un lugar frío pola altitude o emprazamento presenta grandes atractivos, é un pobo chan, compacto, protexido polas montañas e ten recunchos de gran beleza, aínda que cómpre mellorar a conservación do conxunto.  Tamén hai que dicir que sufrimos problemas polo illamento da zona e a falta de servizos, algo bastante común no rural.

A fidalguía

Un feito destacable na historia do lugar é a fidalguia, o cal resaltamos porque é una das poucas cuestión nas que un pobo tan pequeño e illado apareceu en documentos importantes.

Estamos a falar dunha antiga nobreza, de sangue, traballadora pero con dereitos como o de ter propiedades de seu.

Según afirma Clodio Gonzalez no seu libro Piornedo, una comunidade de alta montaña nos Ancares, no cal estudou os datos do Catástro da Ensenada, en Piornedo aparecen en 1.752 16 fidalgos (un 84% do total) o que destaca en comparación cos datos do resto de Galicia e mesmo cos da maior parte dos lugares do Concello.

Se facemos unha consulta no Portal de Archivos Españoles (PARES) atopamos documentos antigos que fan referencia a esta nobreza, entre os que destaca a carta do 04/05/1486 ordenando: 

“Que se guarden las hídalgulas a unos vecinos de la feligresía de Donis en tierra de Cervantes”

Ligamos aquí o documento orixinal dixitalizado que está no Archivo General de Simancas, RGS,LEG,148605,44. E nesta outra ligazón podes atopar unha transcrición desa carta, xa que a orixinal está nun castelán que non é o actual e é máis dificil de ler.

A serra de Ancares

A serra de Ancares está situada entre as provincias de Lugo, León e Asturias. Resulta difícil delimitar hoxe a que nos referimos cando falamos de Ancares, o termo espertou interese e a causa disto hoxe abarca territorios que van máis alá da serra e do espazo natural que lle da recoñecemento.

Os montes máis importantes da serra son: Cuíña (1978 m), Mustallar (1924 m), Miravalles, Pena Rubia, Pena Longa, Tres Obispos ou Os Penedois. Estes montes e os vales que os rodean son refuxio dunha gran biodiversidade de fauna e flora.

Hai importantes bosques autóctonos formados por rebolos, castañeiros, bidueiros, acebos, capudres, teixeiros… e en cotas máis elevadas matogueiras de uces, xestas, carpanzos ou arandeiras. Esta flora variada e abundante, ofrece albergue e sustento a unha fauna tamén rica e interesante, como pode ser o oso pardo, o lobo, o corzo, o rebezo, o corzo as aguias ou as perdices.

Reserva da biosfera

Piornedo atópase dentro da Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEC) Ancares – Courel, así como na ZEPVN (Zona de Especial Protección dos Valores Naturais) e ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) deste mesmo territorio, sendo ademais parte fundamental da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses.

Descubre Piornedo

A veciñanza de Piornedo deseñamos unha ruta pola nosa aldea a través de 20 códigos QR nos que en cada un deles fixemos un audio para explicarche a memoria do lugar. Queres acompañarnos neste paseo? Visita www.descubrepiornego.org.

Lugares para visitar

Se te achegas a visitar o noso entorno, aquí fixemos unha selección de puntos de interese nos que che recomendamos facer unha parada.