Percorrido pola Palloza Museo Casa do Sesto

O ÁSTRAGO

O ástrago

Ao entrar na palloza atopámonos nun corredor ancho e longo, o seu nome é ástrago. Corta a palloza en dúas metades e as súas utilidades son incontables: é o lugar no que se traballa a madeiras e se fan as galochas (zocas) e os cestos; tamén onde se amasa o pan na artesa ou onde se muxen as vacas. 

O ástrago dálle amplitude á lareiras cando hai moita xente na casa e é a parte onde se fai moita da vida e das tarefas da casa.

Algunhas das cousas que se poden observar no ástrago da nosa palloza e que podes ver na galería de fotos que acompaña este texto son as seguintes: ferramentas de carpinteiro, ferramentas de teitador (destacamos entre elas as paletas de teitar, que semellan espadas de madeira), ferramentas de galocheiro (coas que se traballan as galochas) e tamén un peselbre para botarlles de comer cás vacas mentras se muxen.

Outro dos útiles que se poden ver colgados no ástrago:

  • Os marañois, raquetas para andar por encima da neve sen afondar.
  • O carreto, un caixón de madeira aberto por arriba que se empregaba para meter os cativos.
  • O ganzo, un pau de uz ou de acivro seco que se prende e serve para alumar. Colócase nun soporte chamado candeleiro ou pasmón, que segundo a inclinación que lle deamos permite regular a intensidade da luz.

No ástrago, ao lado da cociña, atopamos o cunqueiro, un moble no que se colocan os cacharros de cociña. Tamén está o forno para cocer o pan coa artesa para amasea e unha mesa de comedor que só se utilizaba os días de festa, xa que a diario comíase coa cazola na man.

Un percorrido pola Casa do Sesto