Solpor en Piornedo, Os Ancares

Vivir en Piornedo

Piornedo é unha aldea de alta montaña (preto de 1200 m. de altitude) que está situada na falda dun dos montes mais emblemáticos da Serra de Ancares: o Mustallar.

A aldea ten unha disposición nuclear, coas casas moi xuntas e as fincas arredor. Desta maneira, cando caen nevadas grandes estamos preto uns dos outros para botarnos unha man e para pasar o tempo. Nos longos invernos é cando hai mais tempo libre, aínda hoxe, para ir á “polavila” ou á cantina e
para facer festas.

Esta pequena aldea está composta por un total de 18 casas. A primeiros do século XX, contaba con máis de 200 habitantes e hoxe andaremos pola trintena. A emigración foi reducindo drasticamente a poboación en toda a zona e non é difícil atopar aldeas abandonadas ou sen mocidade. Este feito trouxo consigo o aumento da depresión e o desánimo, a quebra da confianza en nós mesmos e da autoestima, o deterioro da riqueza cultural e patrimonial, a degradación do medio con montes inzados de maleza que incrementa o perigo de incendios forestais, etc. Perdemos en cincuenta anos 2/3 da poboación e varias casas xa só se abren en tempadas de vacacións.

A característica distintiva de Piornedo é a de ter o maior conxunto conservado de pallozas probablemente de Europa. Nestas casas vivimos case tódalas familias do pobo ata a década dos setenta, coas nosas facendas (imprescindibles para producir calor); fomos deixando de vivir nelas e hoxe utilízanse para gardar o gando e a herba, algunhas como museo… mantivéronse en pé en Piornedo grazas ao interese que espertou a aldea no seu conxunto e a que continuaron sendo de utilidade. De feito as pallozas son as construccións características de tódolos pobos destas montañas pero, desgraciadamente, consérvanse poucas e mal.

Malia a ser un lugar frío pola altitude o emprazamento presenta grandes atractivos, é un pobo chan, compacto, protexido polas montañas e ten recunchos de gran beleza, aínda que cómpre mellorar a conservación do conxunto.

Tamén hai que dicir que sufrimos problemas polo illamento da zona e a falta de servizos, bastante común no rural, como é a ausencia de alumado nos camiños, a incomunicación telemática, etc.

{{ reviewsTotal }}{{ options.labels.singularReviewCountLabel }}
{{ reviewsTotal }}{{ options.labels.pluralReviewCountLabel }}
{{ options.labels.newReviewButton }}
{{ userData.canReview.message }}