A cociña é a parte máis importante da palloza, nela cociñábase, comíase, facíanse xuntanzas e festas entre os veciños (chamadas polavilas), contábanse contos, líanse historias… a carón do lume sempre aceso, á vez as mulleres tecían ou fiaban.
Os bancos para sentarse (escanos) están colocados ó redor do lume, que arde nun furado feito no medio da estancia para que entre aire e tire ben. Por unha antiquísima tradición, o lume endexamais se apagaba senón que se acubillaba polas noites e cando se apagabaaccidentalmente íanse buscar brasas a outra casa.
Encima do lume está a gramalleira, unha cadena de ferro da que se colga o pote ou a pota. Nestes potes cociñábase o caldo, os cachos (patacas cocidas), os corolos (castañas cocidas)… todos eles pratos tradicionais de moi bo paladar, aínda que modestos. A garmalleira está pendurada dun pau que se chama guindastre e serve para sacar a comida do lume sen queimarse, porque xira sobre o seu eixo.
Encima da cociña podemos ver un gran caixón de madeira (caízo), o cal ten como misión principal protexer a palla das muxicas do lume, e á vez serve para secar castañas, noces, roupa, etc.
Se ollamos a parte superior da casa, veremos unhas cordas con discos redondos ós lados: son para poñer os embutidos a afumar, e os discos evitan que suban os ratos.
A carón do guindastre está o chuzo, unha lanza de rabo longo e resistente que se utilizaba non fai moito para cazar xabariles, aproveitando as nevaradas do inverno.
Tamén temos bastantes útiles de cociña como:
Fontes (as dos carolos e dos cachos chámanse maseiros)
Cuncas de madeira
Tixolas de rabo longo e tres pés
Lacenas e huchas
Mazaderas (para facer a manteiga)
Potas e potes
Sella para a auga de beber (atópase colocada no seu sitio de sempre: a trabela)
O pelexo para gardar o viño, que está feito cunha pel enteira de castrón
Distintos tipos de candiles, entre o que cabe destacar o ganzo