Na palloza hai varios cortellos. Son cuadras para meter animais máis pequenos.
No cortello que hai pegado á cociña gardamos agora os instrumentos de traballar o liño e a lá: rocas, cardias, devanadoria e argadel (para facer e desfacer madexas)…
Tamén temos instrumentos para traballar o lin antes de fialo: o ripión (para quitarlle o gran), o tascón (para machucalo), o restelo (para cardalo e preparalo para fiar). O liño deixouse de cultivar fai bastantes anos porque esta planta é de lugares máis cálidos e non se daba ben aquí.
A carón da dependencia anterior atópase o tear, onde se facían as colchas, os pantalóns de saial, os mantelos de cubrir (capas moi resistentes feitas de lá e liño), as sabas, etc. Para iso utilizábanse diferentes técnicas de tecido.
O espazo que hai enriba destas dúas dependencias chámaselle o trabeiro e serve para durmir, gardar patacas ou mesmo leña.
Noutro dos cortellos que están próximos á porta, metíanse habitualmente os cochos porque está máis cerca da maseira na que se lles botaba de comer. Agora gardamos no cortello as ferramentas de facer os cestos e distintos tipos de cestos que se facían axeitados aos diferentes traballos:
Megos, para soutar castañas
Cestos, para sembrar patacas ou pan
Goxas ou banastras, para apañar as patacas
Goxos, para carretar pan
Goxas das merendas, para levar as merendas ás fincas
O espazo que hai enriba destes cortellos chámaselle a barrela e emprégase para gardar leña e ferramentas ou tamén para durmir. O seu uso adaptábase ás necesidades da familia en cada momento.
Remata aquí o percorrido pola Casa do Sesto de Piornedo. Como podes observar, aquelas persoas que deseñaron e construíron estas pallozas tiñan moito siso.
Se dende o punto de vista estético sempre podemos obxectar algo, a súa funcionalidade nada ten que envidiar ás obras dos arquitectos contemporáneos, agás no referente ás comodidades e adiantos do mundo moderno. e unha proba do seu éxito é, tanto a súa harmónica adaptación ao medio, como a súa perduración ata o derradeiro tercio do pasado século.
Grazas por facer o percorrido e coñecer un pouco máis sobre a vida na montaña,